Estreamos páxina web!

Os mercados de Tomiño estrean páxina web

Estreamos páxina web!

Recolle a información sobre os postos das prazas de Tomiño e Goián, así como horarios ou novidades

 

Tomiño pode presumir de mercados municipais do século XXI, tamén na súa forma de comunicarse coa veciñanza. As prazas de abastos do concello estreamos páxina web cun deseño moderno, atractivo, limpo e intuitivo que permitirá á veciñanza estar informada de todo o que acontece tanto no mercado de Tomiño como no de Goián. “Os nosos mercados tamén teñen que emprender o camiño da dixitalización porque veñen novos tempos con novos consumidores e consumidoras para os que a vida dixital é importante”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Trátase dunha web visual na que teñen cabida as renovadas instalacións das dúas prazas de abastos e a todos os postos que nestes intres están a desenvolver a súa actividade económica en ambos os dous recintos.

A veciñanza poderá atopar información sobre a actualidade dos mercados, os obxectivos, horarios, servizos con información particular de cada un e mesmo modos de contacto tanto coas propias prazas como con cada un dos postos. A web compleméntase co acceso a novas canles de comunicación dos praceiros e praceiras de Tomiño coa veciñanza, como a súa canle de Youtube ou a súa páxina de Facebook, na que van informando aos veciños e veciñas das diferentes novidades.

Son “novas canles de comunicación para dar a coñecer todo o que se está a facer en instalacións que mesturan de forma perfecta tradición e modernidade, espazos vivos no que continuar fomentando a compra de produto local e dinamizando económica e socialmente os núcleos urbanos de Tomiño”.

A nova web dos mercados forma parte do programa de acción de ‘Vive!’, unha campaña posta en marcha polo Concello de Tomiño coa que se busca reactivar a actividade económica e social do municipio.