O Concello de Tomiño formaliza un protocolo cos comerciantes, para coñecer a situación actual do Mercado Aberto e iniciar liñas de mellora

O Concello de Tomiño formaliza un protocolo cos comerciantes, para coñecer a situación actual do Mercado Aberto e iniciar liñas de mellora

  • O Concello colaborará economicamente para sufragar as actividades previstas por ADETO, até un límite de 2.722,50€
  • Ao remate do proxecto, ADETO terá que presentar unha memoria explicativa das actividades levadas a cabo, así coma o estudo previo realizado e as conclusións

 

O Concello de Tomiño vén de formalizar un protocolo de actuación con ADETO (Asociación de Autónomos de Comercio, Hostalería e Industria de Tomiño), co fin de coñecer a situación actual do Mercado Comercial Aberto de Tomiño e tentar mellorala.

O devandito protocolo, asinado a semana pasada, pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente de ADETO, David Vila, ambas as partes conveñen en iniciar liñas de colaboración para a organización e desenvolvemento de actividades precisas que teñan coma finalidade coñecer o estado actual do mercado aberto na vila e da súa visibilidade. Para este fin, elaborarase un estudo da situación da mercadotecnia de Tomiño; un análise do estudo e proposta de medidas correctoras e un informe final das actuacións e resultados.

O Concello colaborará economicamente para sufragar as actividades previstas por ADETO, até un límite de 2.722,50€, ou do 50%, se o importe total das mesmas fose inferior a esa cantidade.

As accións, contidas nunha memoria elaborada pola asociación de comerciantes, terán que desenvolverse até o 30 de novembro de 2017, coma data máxima de celebración.

Ademais, ao remate do proxecto, ADETO terá que presentar unha memoria explicativa das actividades levadas a cabo, así coma un exemplar do estudo previo e conclusións.

Durante a reunión celebrada, á que asistiron varios comerciantes, o responsable de levar a cabo o estudo do mercado aberto, explicou detalladamente as actividades a realizar, que incluirán en unha primeira fase, a realización de enquisas a cada un dos comerciantes e a clientes, visitas de clientes misteriosos, recepción de ideas e suxestións, etc.

Logo desta etapa, impartirase formación “á carta” nos temas que os propios comerciantes demanden, segundo as súas carencias. Neste sentido, o responsable de facer o estudo salientou a necesidade de incluir e potenciar o uso das novas tecnoloxías e redes sociais en todos os comercios.

A sinatura deste protocolo pon de manifesto, segundo explica a alcaldesa de Tomiño, a “preocupación porque se mellore a formación dos profesionais do mercadeo e a calidade da atención ao cliente no eido do mercado comercial aberto, ao ser considerados aspectos que contribúen a mellorar o atractivo turístico da nosa localidade.