O Mercado de Tomiño estrea novo servizo de recollida de pedidos polas tardes
Será a través dun sistema de consignas de balde que permitirán á veciñanza facer as súas compras vía telefónica polas mañás e recoller os produtos no propio mercado de 17 a 20 horas.
Comprar no Mercado Municipal de Tomiño é cada día máis fácil. O vindeiro martes 22 de marzo, a praza de abastos estreará un novo servizo de recollida de pedidos polas tardes que permitirá á veciñanza facer as súas compras pola mañá de forma telefónica e acudir ao mercado para retirala fóra do horario de apertura dos establecementos.
“Seguimos traballando para potenciar as compras na nosa praza de abastos cunha nova medida que sen dúbida facilitará a moitos tomiñeses e tomiñesas seguir consumindo local do noso mercado e a desfrutar da calidade dos nosos produtos sen estar limitados por cuestións de horarios”, salienta a alcaldesa, Sandra González.
Este servizo funcionará a través dun sistema gratuíto de consignas que permitirá gardar os pedidos durante horas garantindo a cadea de frío e con compartimentos diferenciados pola tipoloxía de produtos: carne, peixe e froitas e verduras. Os clientes e clientas só terán que facer o seu pedido de xeito directo ao establecemento que desexe, aboar a compra co método acordado co praceiro ou praceira e pasar a recoller a compra de 17.00 a 20.00 horas, no momento que máis lle conveña.
As consignas estarán situadas no primeiro andar no interior da Confitería Rogelio, que será o establecemento encargado de xestionar a recollida e facer a entrega dos produtos mercados debidamente etiquetados á clientela.
Un sistema pioneiro co que o Concello de Tomiño busca dar pulo ao consumo local e invitar a todos os tomiñeses e tomiñesas a vivir e gozar o seu mercado.