O sábado 22 de decembro abre as súas portas o novo mercado municipal de Goián
O proxecto foi realizado grazas á financiación da Dirección Xeral de Comercio e do propio Concello.
Os veciños e veciñas de Goián, a segunda parroquia máis habitada de Tomiño, estrearán o vindeiro 22 de decembro, un mercado renovado e especializado en produtos da terra. Unha nova aposta do Concello de Tomiño, que pretende dar un paso máis na defensa dos produtores locais e dos produtos de proximidade.
Tras unha reforma integral levada adiante polo mesma equipa que remodelou o Mercado Municipal de Tomiño, recentemente distinguido pola Xunta de Galicia co primeiro Selo de Mercado Excelente de Galicia, abrirá as súas portas este novo espazo comercial, no que a característica máis salientable, será a presenza de produtos de alta calidade da contorna.
Carnicería-chacinaría, peixería, frotaría-verdulería e tenda ecolóxica, conformarán esta nova oferta chea de sorpresas.
Alto da Aldea é unha carnicería-chacinaría que comercializará tenreira cachena, porco celta e cabra galega. As carnes proceden de animais criados na parroquia de Goián e transformados en embutidos no propio mercado, no obradoiro deste establecemento. A Videira porá á venda froitas e verduras cultivadas no Baixo Miño polos propietarios deste negocio, así como doutros vexetais procedentes doutras hortas. Peixería Estrela contará cun amplo surtido de peixes e mariscos da ría, e Alce Tendaecolóxica vai ofrecer produtos ecolóxicos, de proximidade e a granel, ademais de pequenas degustacións caseiras apostando sempre por unha alternativa máis sustentábel.
Un proxecto feito a medida dos desexos da veciñanza
O proxecto foi realizado grazas a financiación da Dirección Xeral de Comercio e do Concello de Tomiño, no marco das axudas para a creación de Novos Espazos de Emprendemento Comercial (70.000 euros máis 35.500 de achega municipal), e vén colmar as expectativas da poboación desta parroquia que maioritariamente expresou o seu desexo de conservar o antigo mercado, no proceso participativo que o concello puxo en marcha antes da redacción deste proxecto de reforma.
Así, a partir do vindeiro sábado 22, Goián contará cun novo espazo comercial emprazado no corazón da localidade, que aspira tamén a ser un lugar de encontro da veciñanza.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, explica que este segundo mercado, aínda que máis pequeno e modesto que o situado no centro do municipio, responde tamén á vontade do goberno local de apostar polos produtores locais, os produtos de proximidade, de calidade; unha atención profesional e directa, e ao mesmo tempo, fomentar a creación de autoemprego no eido local.