O patrimonio arqueolóxico da provincia, visible ata o 10 de decembro no Mercado de Tomiño

O patrimonio arqueolóxico da provincia, visible ata o 10 de decembro no Mercado de Tomiño

Un percorrido polas mámoas, castros e petróglifos máis singulares da provincia de Pontevedra, como os labirintos circulares de Portaxes, no alto do Monte Tetón, na parroquia tomiñesa de Santa María de Tebra. Isto é o que ofrece a exposición ‘Escenarios de Prehistoria’, unha mostra argallada a través de fotografías de Federico de la Peña posta en marcha pola Deputación de Pontevedra da que se poderá disfrutar no Mercado de Tomiño dende este mércores 22 de novembro ata o vindeiro 10 de decembro.

Con esta exposición trátase de poñer en valor un dos bens patrimoniais máis relevantes da provincia de Pontevedra, como son os asentamentos prehistóricos de gran relevancia, dándoos a coñecer ao público. A través de 45 fotografías enmarcadas e paneis explicativos dos diferentes períodos, a mostra fai un percorrido pola historia a través “dalgúns dos restos máis destacados e espectaculares da provincia”, como resaltou o seu autor, divididos en catro grandes bloques temáticos: os asentamentos paleolíticos, os monumentos megalíticos, os petróglifos e os castros.

Entre as fotografías expostas figura o xacemento de Chan do Cereixo, localizado entre as parroquias de Donas e Pinzás, nos concellos de Gondomar e Tomiño, ou o de Portaxes, considerado a segunda combinación circular máis grande de Europa, formada por 18 círculos e cun diámetro de case 2,5 metros. Ao seu carón atópase a que é posiblemente o labirinto circular máis grande do continente europeo, de máis de 3 metros de diámetro, aínda que moi gastado polo paso do tempo e pouco visible.

A inauguración rematou cunha visita guiada polo propio comisario e autor das fotografías, Federico de la Peña, naturalista, produtor e realizador audiovisual de documentais de natureza e etnográficos, educador ambiental e presentador de programas radiofónicos de temática medioambiental. Esta mostra xa percorreu os concellos de Moaña, Salvaterra do Miño e Gondomar e remata a súa itinerancia por este ano 2017 coa súa estadía no Mercado de Tomiño, concello que “amosa unha sensibilidade especial polo patrimonio histórico e cultural”, como recoñeceu o deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal.

 

A pedra convertida en performance

A apertura da mostra estivo precedida por una performance da artista investigadora transdisciplinar Mercé de Rande, que combinou danza con artes visuais e sonoras para amosar que é a pedra a que agocha os maiores segredos do pasado. A proposta, feita en exclusiva para a inauguración da mostra, xorde a partir da peza ‘Lost and Death in Thunderland’, conclusión dun traballo de investigación de tres anos sobre petróglifos que levaron á artista por máis de seis países facendo un percorrido polos labirintos en pedra do Atlántico.

Coproducido polo Festival Alternativo de Artes Escénicas de Vigo, desenvolvendo parte da investigación teórica na Biblioteca de Alexandría e apoiado pola Casa da Danza de Zurich, neste traballo De Rande emprega a unión que a mitoloxía galega fai dos petróglifos e das mouras, transportadoras de pedra, “único lugar onde quedou gravado e perdura o pasado”.

 

Nova faciana do Mercado Municipal de Tomiño

A exposición de Federico de la Peña coincide coa estrea da nova faciana do Mercado Municipal de Tomiño, totalmente rematado despois das obras de acondicionamento das instalacións realizadas nos últimos días.

Os traballos de mellora contemplaban a colocación dun pavimento técnico vinílico; a incorporación de elementos de redución do impacto de radiación solar, como un sistema de sombreado na zona de peixaría; a creación e acondicionamento dun espazo multifuncional para actividades que complementen a actividade comercial e a rotulación exterior do edificio.