Tomiño celebra o seu cuarto BioMercado con alimentos saudables e produtos ecolóxicos
O domingo 30 de setembro, a Praza do Seixo acollerá varias decenas de postos chegados desde diferentes puntos de Galicia e España
A praza do Seixo de Tomiño acollerá o domingo 30 de setembro, a cuarta edición do BioMercado, na moitos postos estarán dedicados á alimentación saudable, produtos ecolóxicos e naturais. Ademais, a feira contará con diferentes actividades como charlas, obradoiros e conferencias.
O Biomercado vén deste xeito a consolidarse coma un evento anual que ten coma finalidade pór en valor e dinamizar o comercio local, fomentar a produción ecolóxica, a biocultura e o mercado de proximidade.
A programación iniciarase pola mañá coa apertura dos postos ás 11.00, e ao longo do día (até as 21.00) desenvolveranse diferentes actividades lúdicas e formativas; obradoiros relacionados coa cociña e a gastronomía, como a elaboración de doces, extracción de mel e comida vegana. Ademais, os asistentes poderán asistir a charlas sobre diferentes temas biosaudables, ou actividades lúdicas con música en directo, xogos e unha ampla oferta de degustación gastronómica.
Todas as propostas terán lugar na praza do Seixo, dentro do mercado municipal ou na Casa do Concello.
Nos vindeiros días, daremos a coñecer o programa completo.