Tomiño mellora a eficiencia enerxética do edificio do mercado de Goían cun ivestimento superarior aos 300.000 euros
Tomiño traballa na redacción dun proxecto de usos dunha parte do edificio, coa creación dun espazo pensado para a mocidade e relacionado con iniciativas empresariais vencellada á arte.
O Concello de Tomiño está a desenvolver a rehabilitación enerxética do EDIFICIO USOS MÚLTIPLES e MERCADO DE GOIÁN (o segundo núcleo urbano do municipio), grazas a unha axuda do IDAE (Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético) por importe de 254.567,21 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo de Crecemento Sustentable 2014-2020, dentro do Obxectivo Temático 4 – Economía Baixa en Carbono. Trátase dunha subvención a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020.
Os obxectivos específicos nos que se enmarca a operación son os de eficiencia enerxética na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos. Así, as actuacións que se están levando a cabo inclúen a rehabilitación enerxética da fachada do edificio cun sistema de illamento exterior, reforma da terraza e renovación da cuberta cun sistema de bandexas perfiladas de aluminio e instalación de nova carpintaría de aluminio ao exterior da existente con triplo acristalamento e marco de aluminio de cinco cámaras. O edificio obxecto deste proxecto está incluído no Catálogo de Patrimonio do Concello con protección ambiental, polo que calquera actuación que se realice, necesita autorización da Consellería de Patrimonio.
O edificio foi construído no ano 1950 e o seu principal problema atopábase na ausencia de illamento térmico en toda a envolvente, o que provocaba un elevado consumo enerxético para acondicionar o interior, tanto en inverno, como en verán, producíndose grandes perdas de enerxía. Calcúlase que con esta actuación, as emisións de CO2 diminuirán de 47,0 kg de CO2/m2 ano a 21,6 kg (máis da metade) CO2/m2 ano, pasando dunha cualificación enerxética E a unha C.
Existían ademais patoloxías de condensación na envolvente térmica e deficiencias de filtración a través de parámetros verticais e no encontro dous torreóns.
O orzamento total das obras ascende a 318.209,02 euros, cubríndose o 80% do custe cos 254.567,21 euros achegados polo IDAE, e o resto, con fondos municipais.
Con esta nova subvención, xa son cinco grandes proxectos con financiación do IDAE que o goberno local foi quen de conseguir nos últimos anos, logrando a achega de fondos por un importe superior a 1.3 millóns de euros, que se dedicaron á rehabilitación enerxética de diferentes edificios públicos (Benestar Social, Policía Local, Concello, Escola Obradoiro) e á reconfiguración de espazos públicos en Goián.
Espazo para a mocidade
Paralelamente á obra, o Concello está traballando na redacción dun proxecto sobre os usos a que se vai dedicar unha parte importante do edificio da antiga praza de abastos. Conta ademais cunha partida de 60.000 euros de fondos propios para reformar o interior de dito espazo, anexo ao mercado propiamente dito. Existe a intención de crear un espazo pensado para a mocidade de Goián, coa habilitación de zonas destinadas á creación de iniciativas empresariais vencelladas á arte e a outros proxectos creativos.